Suso é recibido polo aburrido funcionario que manexa o destino das almas no Limbo. Cando Suso se nega a aceptar a súa situación, o burócrata, canso, tenta divertirse ensinándolle unha lección ao mozo visitante.
Despois de ti, máis amor é un retrato persoal das etapas do amor: o descubrimento, a plenitude, a fractura e o renacer. Narrado en voz en off a partir de poemas orixinais, a curtametraxe presenta escenas íntimas e simbólicas para revelar como o amor nos transforma, nos rompe e, con todo, nos convida a seguir crendo nel.
O paso da infancia á adolescencia está marcado por formas de violencia sutís pero omnipresentes que a miúdo pasan desapercibidas e que moitas nenas aceptan como algo natural do proceso de maduración.
Tres seres, en tres contextos diferentes, expresan libremente a súa feminidade a través da estética, a actitude e a expresión corporal. De súpeto, vense acosados por un ente escuro que os ataca e tenta oprimilos pola súa forma de ser. Despois de loitar contra el con todas as súas forzas, cansos de resistirse, acaban someténdose, perdendo así todo o sentido de quen son en realidade. Xusto cando todo semella consumirse pola escuridade, algo cambia no seu interior. Os tres seres deciden unir forzas para se enfrontar a este inimigo común, sacrificándoo e facéndoo renacer como un novo ser, libre e deconstruído.
Unha nai non entende a vida que quere levar a súa filla. Unha filla quere ser libre, mais vese atrapada por familia, relixión e xénero. A nai tenta adentrarse no mundo da súa filla, non sabe convivir con el. Tentamos romper esta barreira xeracional eterna ou permanecer sempre atrapados na constrición dunha pequena lata de sardiñas. Perséguennos os símbolos e a asfixia.
Fase agónica é unha obra audiovisual que utiliza diferentes técnicas experimentais, relatando o proceso dunha personaxe no que o seu corpo pasa de estar nun ámbito terrenal a un mais espiritual. Neste proceso as diferentes imaxes mostran recordos pasados , sensacions e un sentimento de extrañeza e agonía.
Unha e outra vez é unha peza experimental estruturada en tres partes que reflexiona sobre a contemplación dun corpo, o propio corpo, dende unha perspectiva externa, articulando unha personalidade disociada e fragmentada que avanza, retorna e se paraliza. A obra constrúese como un bucle circular, no que corpo e alma, entendidos como unha mesma entidade, cruzan limiares e estados que oscilan entre presenza e ausencia, organicidade e artificio, vida e morte, luz e escuridade.
Disolución dun ollar transita polos límites difusos do matérico. A través de texturas, formas e contornos, constrúe unha viaxe contemplativa onde a natureza se transforma polo efecto da distorsión da percepción.
Oda á extinción imaxina unha fin do mundo na que a virtualidade consome a humanidade en forma dunha tormenta de bits que satura a imaxe de materia, corrompendo a realidade ata a chegada dun deus virtual que retorna a orde natural do cosmos. A extinción humana non ten que significar a fin: pode ser entendida como o comezo dunha nova era.
Persistencia do baleiro é o eco de algo que aínda non naceu. Na desmaterialización de todas as certezas, na absoluta nada, xéstase unha forza innomeable que vén de lonxe. É neste estado de descomposición onde xorden os matices, os puntos intermedios entre a potencia e o ser, entre o material e o inmaterial, entre o dixital e o analóxico. Esta ambivalencia que caracteriza o noso tempo non é unha carencia, senón a manifestación de que algo novo está por vir.