Elena é carniceira e tamén é vexetariana. Mentres despacha os clientes e corta carne, Elena fálanos dos "superporcos", híbridos creados polos humanos, entre xabaril e porco doméstico, que están a invadir América do Norte. Pero realmente existen estes animais? De que é a carne que vemos? E quen é Elena? Xogando cos contrastes e cun humor pillabán, este filme lévanos, aos poucos, a cuestionar absolutamente todo.
Son moitas as aldeas de Galicia ou do norte de España e Portugal que están case abandonadas, cheas de casarocos esborrallados, listos para se converter en moreas de cascallo. O silencio, con todo, é unha quimera.
De orixe alemá e afastado da modernidade, Allen Robert Angelo vive nas montañas de Galicia. Este documental é un retrato da súa vida sinxela e da súa conexión cos animais; unha obra que observa, escoita e respecta o seu propio silencio.
A poucos quilómetros dos canóns do río Sil, os veciños do Sabuguerio (Ourense) organízanse para subir á serra e limpar o manancial que lle dá auga á aldea. A localización da poza pérdese ano a ano pola abundante vexetación; as referencias das fincas desapareceron e a paisaxe volveuse irrecoñecible.
Maleza é unha breve exploración dunha das consecuencias máis destrutivas do despoboamento e o abandono rural: os lumes forestais. Faino, concretamente, poñendo o foco no poder destrutivo da maleza, unha abafante espesura de “malas herbas” causada polo éxodo rural que, a medida que avanza o relato, é quen de apoderarse da propia imaxe para destruíla por completo. Utilizando como vehículo narrativo a subxectividade dunha muller anónima que aínda habita a súa aldea natal, Maleza xoga con múltiples formatos audiovisuais, dende gravacións caseiras até pequenas pasaxes de animación, pasando por escenas de carácter máis conceptual.
Voaduras é unha peza audiovisual construída a partir de material de arquivo sen editar de voaduras en canteiras e movementos de terra gravado en Galicia entre 2023 e 2025 por traballadores do sector durante os propios procesos de extracción. O filme explora a brutalidade poética do verbo voar, tradicionalmente asociado coa liberdade ou o desexo de fuxir, e trasládao cara a outro significado: facer estoupar. Dende unha perspectiva ecofeminista, a peza aborda as prácticas extractivistas e a transformación violenta do territorio e da paisaxe, explorando a relación entre terra, traballo, memoria e territorio a través destas detonacións. Proxecto desenvolvido como parte da convocatoria de creación e selección Sala d'Art Jove 2025, promovida pola Generalitat de Catalunya.
Eu nunca vin a Pedra de Abalar de Muxía moverse. Sei que producía un son profundo e recoñecible ao facelo, pero rompeu sendo eu moi novo e soamente puiden vivir a repetición dos xestos cos que a xente da zona procuraba ese son. Algo semellante pasou coa miña lingua, houbo un proceso de transmisión quebrado que, aínda así, topou novos xeitos de comunicarse. A memoria dun son tamén soa.