Farsight Corporation é un conglomerado ficticio de intelixencia artificial que aparece por primeira vez en Geomancer (2017), filme ambientado no ano 2065. Partindo da idea de “hiperstición”, segundo a cal os escenarios da ciencia ficción poden converterse en profecías autocumpridas, Lek decidiu fundar a empresa en 2018. O obxectivo era que Farsight se convertese na produtora dos seus futuros proxectos, abrindo a remota posibilidade de que, cando chegue o ano 2065, a empresa sexa realmente unha das principais compañías creativas de intelixencia artificial do mundo. Neste vídeo, concibido como tráiler de lanzamento da compañía, Lek aprópiase da linguaxe e a estética do capitalismo emprendedor.
Con motivo do evento de arte público Art Night London, Lawrence Lek convida o público a explorar as contradicións dunha sociedade poslaboral a través dun novo videoxogo de realidade virtual. Ambientada en 2037, Play Station™ transcorre nunha versión de ciencia ficción do White Chapel Building, transformado na sede londiniense dunha enigmática empresa tecnolóxica emerxente coñecida como Farsight.
Líder mundial en automatización dixital, Farsight adestra o seu persoal para externalizar o traballo ao máximo, recompensando a quen obtén mellores resultados con acceso a experiencias exclusivas de lecer e vacacións virtuais. O acceso a este mundo artéllase mediante unha instalación, similar a un mandala, de visores de realidade virtual, vídeos formativos e titoriais con voz en off, que permite ao público participar como xogador ou como observador. Ambientada no amplo atrio do renovado White Chapel Building, Play Station™ reflexiona sobre os límites, en cambio constante, entre o espazo de traballo e o espazo de lecer. Farsight, un personaxe recorrente no universo de Lek, apareceu por primeira vez en Geomancer (2017). En consonancia coa idea da “hiperstición” —a capacidade das ficcións especulativas para influír na realidade—, Farsight fundouse como empresa real de produción ao ano seguinte en Bold Tendencies
Presentado desde o punto de vista dunha intelixencia artificial deseñadora de videoxogos, 2065 é un videoxogo de mundo aberto en continua expansión ambientado na véspera do centenario de Singapur. A obra amplía o universo narrativo desenvolvido por Lek en Geomancer (2017), onde a adopción xeneralizada da intelixencia artificial deu lugar a unha sociedade poslaboral e a unha crecente demanda de entretemento e produción cultural inesgotables.
Nøtel é unha instalación multimedia para unha marca ficticia de hoteis de luxo que explora a hospitalidade corporativa, desde o humor negro. Producida en colaboración co escritor e músico Kode9, a obra anticipa unha sociedade futura caracterizada por unha mobilidade extrema, na que individuos cun poder adquisitivo altísimo viven en constante movemento. Mediante a análise de datos persoais, a empresa é quen de ofrecer aloxamento personalizado a calquera hora do día ou da noite. A intelixencia artificial substitúe o persoal humano para satisfacer todas as necesidades imaxinables dos hóspedes. A vixilancia mediante drons, o recoñecemento facial e unha rede integral de sensores garanten o máximo nivel de atención ao cliente, á custa da privacidade.
Nepenthe, que toma o seu nome do remedio contra a tristeza da mitoloxía grega, é unha serie en curso de instalacións de videoxogos que exploran o papel da memoria nos mundos virtuais. A súa cuarta entrega, Nepenthe (Summer Palace Ruins), reimaxina o legado do colonialismo británico a través dunha recreación virtual e física das ruínas do Antigo Palacio de Verán de Pequín. Considerado unha das máximas expresións do deseño clásico de xardíns e palacios chineses, o palacio foi destruído por unha expedición militar anglofrancesa durante a Segunda Guerra do Opio, en 1860.