Lucile Hadžihalilović, premio especial Curtocircuíto Atlas!

Noticias
6/18/2025

Inauguramos premio, Curtocircuíto Atlas! E este ano dedicámosllo á cineasta Lucile Hadžihalilović, que estará con nós durante o festival, presentaranos a súa obra e compartirá anécdotas e experiencia. Tamén anunciamos a programación de Cosmos, 22 filmes de 17 países que compoñen un mapa plural de obras que se achegan a formatos e linguaxes innovadores, afastándose da idea convencional de cinema.

O festival concede este ano o galardón a Lucile Hadžihalilović en recoñecemento á súa traxectoria, proxectará parte da súa obra e realizará un encontro entre a cineasta e o público que estará conducido pola xornalista cultural Elsa Fernández-Santos.

Nada en Francia e criada en Marrocos, Hadžihalilović iniciou a súa carreira nos anos 90  fundando a produtora Les Cinémas de la Zone xunto a Gaspar Noé, con quen colaborou en títulos como Carne, Seul contre tous e Enter the Void.

En 1996 debutou como directora con La bouche de Jean-Pierre, seleccionada en Un Certain Regard (Cannes). A súa primeira longametraxe, Inocencia (2004), valeulle o Premio á Mellor Dirección Novel en San Sebastián, festival no que foron tamén premiados os seus seguintes traballos,  Evolution (2015) e Earwig (2022). O seu cuarto filme, The ice tower, protagonizado por Marion Cotillard, estreouse no pasado Festival de Berlín.

A retrospectiva en Santiago incluirá as súas obras La bouche de Jean-Pierre (1996), unha dura e delicada visión da infancia marcada pola violencia; Nectar (2014), unha peza sen diálogos que explora o feminino e os rituais corporais desde unha estética sensorial; e De Natura (2021), unha obra abstracta e hipnótica que afonda na relación entre natureza, corpo e percepción.

22 filmes de 17 países en Cosmos

Nesta nova edición, presentamos un total de 22 filmes procedentes de 17 países. Poderedes viaxar a través de obras de Reino Unido, Suíza, Austria, Estados Unidos, Chile, Australia, Italia, Croacia, Canadá, entre outros territorios, que compoñen un mapa plural e en constante transformación.

Cinema narrativo, ensaios documentais, pezas que exploran a estética dos videoxogos ou obras que se achegan a formatos e linguaxes completamente libres, totalmente afastados da idea convencional de cinema. Como novidade, distinguimos cinco obras dentro de Cosmos que recuperan o espíritu e a denominación da histórica sección Explora. Filmes que propoñen un diálogo curatorial cos espectáculos AVs aos que precederán.

Teremos obras como Empty Rider de Lawrence Lek, unha distopía que mestura simulación 3D e reflexións sobre identidade artificial, ou Ohio Sonata de Lluis Galter, unha telenovela de imaxes de arquivo. Man Number 4 de Miranda Pennell, unha reflexión sobre a observación, a representación e a violencia desde Gaza; Divers de Geordie Wood, que explora a preparación e o salto ao baleiro dun grupo de artistas de elite; Quamdo a terra foge de Frederico Lobo, unha mirada á infancia e á montaña, ou o gañador da Palma de Ouro en Cannes e finalista a mellor curtametraxe nos Premios Óscar, The Man Who Could Not Remain Silent, de Nebojša Slijepčević, multipremiado cineasta croata. We Beg to Differ de Ruairi Bradley, Merging Bodies de Adrian Paci, No Mean City, Inmaculata de Kim Lêa Sakkal, e Julian and the Wind de Connor Jessup, entre outros. A representación do cinema galego e estatal chega da man Above All de Enar de Dios, La Sangre de Joaquín León, El cuento de una noche de verano de María Herrera, ou El príncep de Àlex Sardà. As obras de Cosmos Explora son Archipelago of Earthen Bones — To Bunya de Malena Szlam,  Common Pear de Gregor Božič, Portales de Elena Duque, Pneuma de Adrià Expósito e

de Billy Roisz.

Stay tuned