Presentamos ao noso xurado, a sección Terra, a Residencia Artística e a colaboración con Cineclube de Compostela

Noticias
9/26/2024

Rocío Madrid, Alberto Gracia, Equipo 64 e Xurados!


Tic, tac... Xa queda menos para arrancar a vixésimo primeira edición e temos moitas novidades que contar. Presentámosvos ao noso Xurado de Sección Oficial, un equipo interdisciplinar con perfís que van desde a programación cinematográfica ás artes performativas. Este ano dedicamos a nosa Residencia Artística á fotógrafa e escritora freelance Rocío Madrid. E o cine galego terá moita presencia no festival!

A Sección Terra está dedicada ao cineasta ferrolán Alberto Gracia, que impartirá unha clase maxistral na que reflexionará sobre o papel da observación, a poesía e a teoría. A emancipación do territorio dos soños desde o audiovisual.

Curtocircuíto x Cineclube de Compostela: organizamos unha sesión en torno a Equipo 64, ca intención de recuperar o patrimonio cinematográfico amateur galego. 

Atenta a todo o que traemos!


Presentamos ao noso Xurado

Traémosvos unha programación interdisciplinar, cunha alta representación internacional e unha oferta que vai desde o cinema ata o arte sonoro, as artes visuais, a ciencia e o pensamento, e o noso equipo é reflexo de todo iso. Presentámosvos ao noso Xurado!

Sección Oficial Cosmos

Sección Planeta GZ e Supernova

O xurado da Sección Oficial Cosmos está composto por:

Caroline Maleville, programadora da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes e da Cinémathèque française; o comisario e docente Guilherme Blanc, director do Centro Batalha de Porto; a periodista e crítica de cine Jara Yañez, directora da revista 'Caimán Cuadernos de Cine'; o curador e programador Peter Taylor, director de Berwick Film Festival, un dos nosos festivais referencia en cine experimental e a antropóloga social, investigadora e escritora Valeria Mata, que ademáis guiará a Expedición Metaturística que se enmarca dentro das Sesións Especiais. 

As seccións Planeta GZ e Supernova contarán tamén cun xurado interdisciplinar formado por tres perfís que van desde as artes á programación:

Son a compositora, cantante e productora galega Belén Vidal, coñecida artísticamente como BFlecha e pioneira namúsica electrónica española e a vangara sonora; a productora, curadora e programadora independente Catarina Boieiro; e a creadora e poeta Nuria Vil, cuxo traballo artístico, eminentemente oral, envolve a palabra alada e o diálogo entre distintas artes para levar a poesía máis aló da escritura.


A Residencia Artística de Curtocircuíto acolle á fotógrafa Rocío Madrid

Queremos seguir sendo un lugar para a confluencia de distintas disciplinas, mantendo como eixo principal o cinema de autor e a aposta polas linguaxes contemporáneas. Este ano organizamos de novo, co apoio da Universidad de Santiago e Cafés Candelas, unha proposta que pon o foco la intersección das artes visuais a través dunha Residencia Artística que acollerá á fotógrafa e artista visual Rocío Madrid

Ante unha situación de cambio marcada pola explotación turística nos tempos dunha crise sanitaria, esta residencia artística busca dotar á cidade de imaxes que redescubran as orixes dun casco histórico sepultado nunha avalancha dixital de imaxes tópicas e superficiais.

Por iso nos propoñemos revisitar os espazos, arquitecturas e rúas. Baixo esta premisa, partirá da invitación da fotógrafa Rocío Madrid. 

A súa estancia terá lugar nas datas do propio Festival e estará vinculada imprimir a súa visión da cidade. Vinculando o seu traballo fotográfico co exercicio de descoberta, a artista traballará na representación das realidades que pasan desapercibidas, así como de ollar os lugares máis emblemáticos ou as estampas máis comúns dende novos prismas, sempre dende unha libertade creativa absoluta tanto na forma como no contido.

Sección Terra dedicada a Alberto Gracia

O CINEMA DE HOXE: O DIVÁN E A XESTIÓN DE RESIDUOS

Este año dedicamos Terra, a sección non competitiva dirixida a cineastas de Galicia que teñan unha obra consistente e persoal, ao cineasta Alberto Gracia

"Nun momento no que o mundo convertiuse en imaxe e o simulacro é unha realidade máis real que o real, e por tanto carece por definición de sentido, Como podemos dar sentido ao que percibimos sen caer nunha estúpida procura do real que parece non ter fin desde as vangardas? Que lugar ocupa o cinema hoxe e por que desexamos ser, en certo sentido, cineastas posuídos por un furor documental? Hai lugar para a poesía e a teoría (entendida como pura observación) nesta paixón irrefreable e literal que temos polo virtual, ou pola contra tan só o consumo e a tecnoloxía permítennos participar, con malestar e a mercé dos accidentes, dun mundo eminentemente visual que xa non admite realidade exterior a el excepto a de metáforas extraterrestres ou posesións diabólicas? E finalmente, De onde vén a imaxe e onde vai, unha vez que substituíu á historia como material de construción da realidade, emancipándose así do suxeito e dun territorio hoxe ameazado: o territorio dos soños?", apunta Alberto Gracia. 

O cineasta impartirá a clase maxistral O CINE DE HOXE: O DIVÁN E A XESTIÓN DE RESIDUOS na que reflexionará sobre a forma na que el entende o cinema, o soño de outro. 

Curtocircuíto x Cineclube de Compostela: Equipo 64

Queremos recuperar o patrimonio cinematográfico amateur galego e este año facémolo a través do traballo de Equipo 64

Gonzalo Anaya, Enrique Banet e o propio Ezequiel Méndez (responsable do mítico Cine-Club Universitario) fundaron Equipo 64

En 1964, Anaya, Banet e Méndez, cunha cámara cinematográfica portátil, unha boa dose de inexperiencia e determinación sen límites fixeron unha viaxe inesquecible a Roncesvalles para filmar ós peregrinos; conseguiron montar un andamio diante do Pórtico da Gloria e mergulláronse no corazón da Costa da Morte.

Desde Equipo 64 codirixiron os seguintes documentais en 16mm co patrocinio da Caja de Ahorros de Santiago: El Camino de Santiago; Malpica; Pórtico de Compostela, Cuatro Plazas y Compostela. Tamén elaboraron un guion de Castelao que non chegou a producirse e varios guións inéditos que están na Filmoteca de Galicia. As copias destas películas están depositadas na Filmoteca e levan máis de 50 anos sin ser proxectadas publicamente. 

Stay tuned