Martin Messier, Kangding Ray e Oliver Laxe estarán con nós en Curtocircuíto!

Noticias
6/13/2025

Para nós é moi importante poder ofrecervos unha programación na que cinema e música dialoguen e este ano estamos moi contentas co cartel de live avs que traemos. Este cartel é reflexo dunha vocación pola experimentación, a hibridación de linguaxes e a presenza de grandes nomes da vangarda internacional.

Martín Messier (Canadá), Amelie Duchow (Alemaña),  Neutro Gris e nodoaviom (Valencia) e Carme López e Irene Sáenz (Galicia), unha pequena escolma de artistas moi coidada e que representa esa fiestra na que o local e o internacional teñen un punto de encontro.

Kangding Ray[FR] & Oliver Laxe[GZ] Sirāt Live Soundtrack AV + ft. Canoura

Kangding Ray,  quen acaba de gañar o Cannes Soundtrack –premio á mellor banda sonora no Festival de Cannes– por Sirât, e o cineasta Oliver Laxe ofrecerán un espectáculo audiovisual en directo que, partindo da música do filme, fará un percorrido inmersivo e sensorial polo deserto a partir de imaxes non empregadas na montaxe da película. Esta actuación exclusiva e concebida conxuntamente coa dirección artística do festival, levará por título Sirāt Live Soundtrack AV e contará tamén coa participación do cineasta burelés Adrián Canoura (Baiuca, Blanco Palamera), que colaborará con Laxe no deseño visual do directo. O AV de Kangding Ray e Oliver Laxe ft. Adrián Canoura terá lugar o venres 4 de xullo na praza da Quintana, un espectáculo aberto ao público e gratuíto. Ademais, ambos artistas ofrecerán unha charla no Teatro Principal sobre o proceso de creación da banda sonora de Sirāt coa intención de afondar nunha das principais liñas de programación de Curtocircuíto: a converxencia entre arte sonoro e imaxe.

Martin Messier

O canadense Martin Messier, recoñecido polos seus espectáculos onde converxen tecnoloxía e elementos naturais (auga, fume, electricidade...), volve a Curtocircuíto para presentar en Santiago a súa performance 1 drop 1000 years, unha peza que explora o equilibrio planetario a través das correntes de auga e a súa resonancia íntima nos corpos.

Carme López e Irene Sáenz

A escena galega estará tamén representada pola investigadora e intérprete Carme López, que se xuntará coa artista ferrolá Irene Sáenz noutra colaboración proposta polo festival. O espectáculo consistirá nun concerto no que López experimenta co son da gaita para levala do folk ao minimalismo drone.  Esta proposta estará tinguida polas luces líquidas e as capas de texturas proxectadas por Sáenz no seu xogo con diferentes fluídos e tintas.

Amelie Duchow

A artista alemá Amelie Duchow, integrante da rede Female Pressure, presentará o seu proxecto LOGOS MATER, unha obra que parte dunha reflexión sobre a lingua como forma sonora universal, alén do significado das palabras. Duchow emprega gravacións de voces en linguas maternas de persoas de todo o mundo para construír unha composición en constante evolución que transcende fronteiras culturais e xeográficas.

Neutro Gris e nodoaviom

Neutro Gris, productor que traballa entre a delicadeza armónica e a agresividade dixital e nodoaviom, creativo que busca novas formas de trascender os formatos e narrativas clásicas presentan un live que explora o paso do tempo a través de imaxes de arquivo. Temáticas como a violencia, a inocencia e o amor contraponse dentro dun marco core e post internet.

DJs sets

A programación de AVs completarase con sesións de club as noites do venres e sábado. O cartel está composto por catro artistas que comparten raíces na escena  underground da electrónica galega: Bold G, Amiga, You_el, de Dial Electrónico, e Russ, que asina a banda sonora de tres filmes da sección Supernova, evidencia do diálogo constante entre cinema e música que Curtocircuíto promove. Estes dj sets traerán club deconstruído, techno experimental, jungle ou soft funk. 

Stay tuned