Ariel, o último traballo de Lois Patiño, será a película inaugural do festival. Fainos especial ilusión abrir esta edición con Ariel porque Lois foi un director que creceu connosco. Xa participou en pasadas edicións de Curtocircuíto cos seus anteriores traballos e nesta ocasión, acompañaranos no que será a estrea en España da súa película.
A estrea de Ariel será o pistoletazo da saída do festival. A película, protagonizada por Irene Escolar, Agustina Muñoz e actores da compañía de teatro Voadora, Hugo Torres, Marta Pazos e José Díaz, explora a obra La Tempestade de Shakespeare a través dunha viaxe da actriz Agustina Muñoz polas illas Azores. Ariel é unha reflexión sobre o concepto de liberdade desde o medo, a aventura e a dúbida.
A inauguración será a estrea en España do filme, que vén apoiado por seleccións en certames internacionais como o IFFR en Rotterdam, FICCI en Cartaxena de Indias ou BAFICI en Buenos Aires e preséntase como unha das películas galegas do ano. Mantemos a nosa aposta por acoller os grandes títulos da creación galega contemporánea, como xa fixemos noutras edicións con filmes como O Corno, Lúa Vermella ou O que arde.
Ariel, rodada nas illas Azores, mestura paisaxe, memoria e experimentalismo para acadar novas cotas narrativas coa entrada da ficción e o traballo actoral na obra do artista vigués, ó tempo que continúa a súa exploración do espazo e o tempo, elementos que caracterizan a súa filmografía.
Esta estrea non só enriquece a programación do festival, senón que tamén reafirma a súa vocación de espazo para a innovación e o diálogo artístico, posicionando a Compostela como epicentro de creación e reflexión cinematográfica contemporánea.
Ariel é unha producción de Filmika Galaika distribuida por Atalante Distribución.
A película estrearase en Santiago de Compostela o próximo 1 de xullo e a estrea estará acompañada pola presenza do equipo.