#programación

Menú

Artur M Puga + Cruhda + Adataberna A/V

Salón Teatro |

22:00 h apertura de portas ás 21:30 h

7€

Artur M Puga

Artur M. Puga é un artista e investigador sonoro, músico electrónico e compositor galego. O seu traballo comprende disciplinas diversas como a instalación sonora, performance en directo, ou o deseño sonoro/composición para cine e artes escénicas.

A súa obra é unha oda á sonoridade zazen: a pulcritude dos seus sons, os silencios, conducen o espectador a unha sorte de vacuidade, na que o real se volve algo ilusorio. 

As frecuencias narcóticas aniquilan toda idea/razoamento e provocan unha vacuidade universal incualificada en si mesma. Unha delicada armazón sonora dominada por sinuosidades puras e texturas algorítmicas que traslada a un tempo en suspensión onde o baleiro se revela como verdade absoluta. 

M. Puga, propón, polo tanto, unha comunicación interhumana (que non interpersoal), non transmisible a través de construcións lóxicas, unicamente perceptible na medida en que non necesita un ser pensado, máis ben un non pensante e un non pensado. O seu traballo difundiuse e exhibiuse en países como Corea do Sur, Xapón, España, Alemaña e Inglaterra.

https://arturmpuga.bandcamp.com/releases 

Cruhda + Adataberna A/V

Enraizada nas paisaxes e golpes que conforman a súa memoria, este segundo proxecto de Cruhda leva un paso máis alá as temáticas que abordou no seu primeiro traballo. A Alcarria, unha inmensidade de vales profundos angostos e sombras entre as provincias de Guadalaxara, Madrid e Cuenca, converterase nun dos escenarios fundamentais deste novo álbum. Pero non só. Esta vez os ríos e mares que sucan e rodean a Península Ibérica, as veas finas e escuras desta terra, o sangue que flúe no mar mesturándose co sal, os restroballos que se queiman no monte para iniciar un novo ciclo de vida, os metais e fulgores de luz e lume que forxan ferramentas serán o contexto de novos cánticos, sons, queimas e batallas por loitar. Neste concerto o traballo de Cruhda unirase á incrible proposta visual de Judith Adataberna. Armas visuais e sonoras para afrontar os tremores que ameazan a nosa terra. Dentro da escuridade existe unha luz de bronce, un desexo e unha esperanza cegadora de emancipación.

Durante milenios sementaron trigo nesta terra. Chovía pouco. Agora menos. Pero as mulleres sabían cantar aos ventos.

Cruhda é o proxecto musical de Paula Gómez de Caso, unha artista que viviu os primeiros anos da súa vida en Meco tocando marchas de procesión e pasodobres co seu clarinete na banda municipal da vila. Aos dezaoito anos decide abandonar a soidade da estepa castelá para estudar na UAM. Será aquí en Madrid onde inicie un camiño propio musical e político e onde coñeza as primeiras compañeiras coas que batallar na rúa e artisticamente. Licenciada en Filosofía, o seu traballo artístico e musical investiga temas como a emancipación, a memoria, o duelo, a morte e a irmandade ou sororidade. Participou en colectivos como Vaciador 34 e Nosaltres, e formou parte de bandas de postpunk e electrónica como Yocasta, Difunta Calva ou Crin Aeris. En 2019 viu a luz o primeiro EP de Cruhda, Íbera Morte editado en formato físico polo selo Humo (2020) producido con Avel e Hartosopash. Tocou recentemente en lugares como Ithaka Festival, Cans, sala Siroco, Continuo, Hybrid Art Fair, Eufonic Festival, Link, ETOPIA (Centro de Arte e Tecnoloxía de Zaragoza) ou o Museo Raíña Sofía.


Judith Adataberna é unha artista visual que desenvolveu o seu maxín a través do cine experimental, a fotografía e a videoinstalación. Formouse en Belas Artes e completou os seus estudos como bolseira polo laboratorio de cine experimental Master-LAV (Madrid). De pais mariñeiros, pasa toda a súa nenez enriba duna batea de ostras ao tempo que desenvolve unha grande observación pola natureza e a súa fenomenoloxía. O seu interese pola psicoloxía e os misterios da conciencia foron claves para formular obras simulativas onde desafiar escalas e limiares da percepción. A súa preocupación polos mecanismos de supervivencia e o devir tecnolóxico fíxolle formular preguntas sobre o desarraigamento humano coa natureza. O seu traballo púidose ver en festivais de cine como Curtocircuíto, Filmadrid, Bendita Tú, Intersección ou galerías e espazos como Sim Gallery (Reykjavik), Venice Art Projects, Hybrid Art Fair (Madrid), ETOPIA (Centro de Arte e Tecnoloxía de Zaragoza). Paralelamente, levou  a súa visión ao traballo doutros músicos e deseñadores como Cruhda ou Rubearth.