#updates

Longas X Curto: Erin Vassilopoulos, Helena Girón, Samuel M. Delgado, Kikol Grau e Guillermo Benet

Novas

Creada en 2020, a sección paralela Longas X Curto está dedicada a mostrar algunha das longametraxes máis interesantes do ano realizadas por autoras que, dende o festival, seguimos desde os seus inicios. Nesta ocasión reunimos catro apostas radicalmente diferentes de cineastas que abordan a ficción e o documental desde propostas incisivas e formalmente arriscadas. 

Na programación incluímos a estrea en España de Superior, a ópera prima da directora neoiorquina Erin Vassilopoulos. Un thriller psicolóxico que se move entre referencias velvetienas ao David Lynch ou unha stoner movie, e onde dúas irmás xemelgas mesturarán as súas vidas nunha viaxe estática ao interior dos seus medos.

Os outros tres traballos que exhibiremos transitan desde a ficción histórica Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, que acaba de ser presentada no Festival de Venecia e que relata as desventuras duns mariñeiros fuxidos coas velas de Colón nas Illas Canarias; ata Las cuatro esquinas y Madrid, o repaso punk (en fondo e forma) de Kikol Grau á escena musical do últimos corenta anos á que aínda lle doen as cicatrices do franquismo. Guillermo Benet será o encargado de pechar Longas X Curto con Los inocentes, unha longametraxe inspirada na súa curtametraxe seleccionada no noso festival no 2018. Nun asfixiante formato cadrado reconstrúe o recordo borroso dunha noite de desaloxos e disturbios para expor temas como a lealdade, a pertenza de grupo e a verdade. 

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, celebrarase entre os próximos 2 e 10 de outubro, e está organizado polo Concello de Santiago de Compostela e financiado, entre outros, pola Diputación de A CoruñaAGADIC e o ICAA.