#programación

Menú

Mesa Proxecta: a internacionalización dos festivais

Museo das Peregrinacións

Xoves 7 de outubro | 12:00

De balde

Os recursos necesarios para que un evento cultural alcance un nivel óptimo de visibilidade no estranxeiro adoitan ser altos. A rendibilidade deses esforzos non sempre ten un retorno evidente a curto prazo e non é sinxelo atopar uns indicadores que obxectiven os resultados. O proceso de internacionalización debe ser coherente coa natureza e cos obxectivos do evento, no caso contrario pode ser unha fonte de desequilibrios. Cales son as mellores ferramentas? Que porcentaxe do orzamento debe dedicarse a este fin? Debe ser este un proceso orgánico ou parte dunha estratexia? Que achega ao territorio que acolle o evento a asistencia de profesionais e público estranxeiro? Nesta charla contaremos con tres casos moi diferentes: PlayDoc, un festival de tamaño medio levado a cabo nunha rexión periférica; Filmadrid, un festival realizado nunha capital estatal e Berlinale, un dos festivais hexemónicos no circuíto internacional. Coa participación de:

Alejo Franzetti

Alejo Franzetti naceu en Bos Aires. Graduouse na Universidade do Cine e foi Meisterschüler de Thomas Arslan na Universität der Künste de Berlín. Forma parte do equipo de selección de Berlinale Shorts e do Festival de Curtametraxes de Hamburgo. Realiza filmes de distintas duracións que se mostraron en Torino Film Festival, Festival Internacional de Cine de Mar del Plata, Entrevues Belfort, Festival Márgenes, BAFICI e Anthology Film Archives, entre outros. Participou do programa internacional de formación cinematográfica Cinema en Curs en escolas de Berlín e Brandeburgo. Foi cofundador e programador de Invasion, o festival de cine arxentino en Berlín que se celebra desde 2014.


Ángel Sánchez

Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Valencia. Traballou como xornalista e produtor para televisión e publicidade, e como produtor e programador de espectáculos, concertos e festivais. É fundador e codirector de Play-Doc, Festival Internacional de Cine de Tui, unha das referencias cinematográficas do xénero. Desde Play-Doc presentaron retrospectivas de lendas do cine recoñecidas internacionalmente, como Artavazd Pelechian, Albert Maysles, Charles Burnett, Bruce Weber, Claire Simon ou Ross McElwee, entre outros. Paralelamente, desde o festival tamén organizan obradoiros e seminarios, así como programacións en diferentes festivais e en centros culturais. En 2013 funda Play-Doc TV, plataforma de VOD dedicada á promoción de cine independente nacional e internacional. É presidente e membro fundador de Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cine. É músico, editou varios traballos discográficos e actualmente lidera a banda galega Best Boy.


Nuria Cubas

Nuria Cubas (Madrid, 1984), estudou Cine e Literatura. En 2013 pon en marcha o proxecto Pasajes de Cine, un espazo itinerante para o pensamento e a difusión do cine polo que pasaron numerosas figuras do cine internacional. Funda FILMADRID - Festival Internacional de Cine en 2015, que dirixe desde entón. Formou parte do comité de selección da Competición Oficial de Punto de Vista (Navarra) de 2018 a 2021 e programou outros ciclos en La Casa Encendida (Madrid), Museo C.A.V. - La Neomudéjar (Madrid) ou Cineclub Revolución do Museo de Arte Carrillo Gil (Cidade de México). Formou parte do equipo de comisariado para as actividades de Fiestas Raras, un proxecto experimental de Imagina Madrid en Matadero (Madrid). Entre os seus traballos docentes destaca a súa participación regular no curso (R)evoluciones do LAV (Laboratorio Audiovisual de Creación e Práctica Contemporánea).

Moderan: Pela del Álamo (director de Curtocircuíto) e Marta Ramos Yzquierdo