#OutraCompostela

Que é?
#OutraCompostela é unha actividade enfocada á educación vocacional e profesional no ámbito do cine, deseñada e programada por Curtocircuíto. Xorde froito da colaboración entre o Festival Curtocircuíto e a Universidade de Santiago de Compostela, co apoio de Santiago Turismo e a Santiago de Compostela Film Commision.
A quen vai dirixida?
A actividade, fixada en cada edición do festival e con carácter creativo e experimental, está dirixida ao alumnado da USC, en concreto da Facultade de Ciencias da Comunicación (Graos de Xornalismo, Comunicación Audiovisual e dobre grao).
En que consiste?
O alumnado participante elaborará unha peza audiovisual que lle permita levar á práctica os coñecementos e habilidades adquiridos na facultade. Esta é unha experiencia na que se dá a oportunidade de asumir a experimentación e o risco.
A temática desta edición: a narración do eu desde unha postura xeracional
Nesta edición, o concurso céntrase na obra cinematográfica da parella de cineastas Caroline Poggi e Jonathan Vinel. Dúas voces anovadoras do cinema francés que retratan unha xuventude en constante crise. A súa obra explora novos camiños como a virtualidade ou os videoxogos para falar da inadaptación ou do nihilismo ante un futuro que semella oscuro. Partindo de traballos como Martin Pleure ou After School Knife Fight, traballaremos sobre o retrato xeracional da nosa propia experiencia social, a reinterpretación das imaxes de arquivo e a integración de novas realidades a través do virtual, tendo Santiago de Compostela como escenario posible para calquera realidade.
Cómpre ter en conta o traballo de Poggi e Vinel:
-
A violencia e presión da sociedade cos inadaptados e os máis novos.
-
O dixital e internet como un espazo propio.
-
A estetización dos espazos grises urbanos e rurais.
Condicións para participar
-
A participación farase por equipos, cun máximo de cinco equipos compostos por un mínimo de tres persoas e un máximo de cinco persoas cada un.
-
Todas as pezas audiovisuais deberán ser gravadas na cidade de Santiago de Compostela.
-
Só os participantes que pertenzan á Facultade de Ciencias da Comunicación poderán obter 1 crédito ECTS pola súa participación en #OutraCompostela.
-
O alumnado que queira participar deberá enviar os seguintes datos de cada un dos integrantes do seu grupo ao enderezo de correo info@curtocircuito.org
-
Nome e apelidos
-
Teléfono
-
Correo electrónico
-
DNI
-
Curso e grao no que está matriculado
-
Requisitos das pezas audiovisuais
-
A duración mínima das obras presentadas será de 3 minutos e a máxima, de 5 minutos.
-
Cada unha das pezas deberá enviarse a través de Wetransfer ou calquera outra plataforma de envío de datos e arquivos en liña.
-
A data límite para o envío das pezas será o venres 8 de outubro ás 23:59 horas.
-
As especificacións técnicas para a entrega das pezas serán as seguintes:
-
Arquivo dixital .mov ou .mp4
-
Resolución FULL HD 1920 × 1080 ou HD 1280 × 720
-
Códec H264
-
Bitrate dende 8000 a 40000 kbits
-
Audio AAC estéreo a 384 kbps
-
O arquivo non poderá superar os 2 Gb de peso
-
O festival Curtocircuíto e Turismo de Santiago – Incolsa resérvanse o dereito a reproducir total ou parcialmente as pezas presentadas a concurso, e os autores das obras aceptan, coa súa inscrición, as bases presentes.
-
Así mesmo, o festival Curtocircuíto resérvase o dereito a publicar, na páxina exclusiva de Tumblr Outra Compostela, as pezas participantes desta edición.
-
Premios
-
O equipo gañador será anunciado na gala de Clausura da 18ª edición de Curtocircuíto, que terá lugar o 10 de outubro ás 20:30 no Teatro Principal.
-
O grupo que resulte gañador do concurso recibirá un curso de formación para cada un dos integrantes do equipo de traballo na Escola Unitaria.
Coa finalidade de adaptar a actividade ás circunstancias derivadas da COVID-19:
-
Aceptaranse tanto obras filmadas polos propios participantes como obras creadas a partir de metraxe e vídeo atopado (o festival facilitará os recursos necesarios para realizar obras a partir de metraxe e vídeo atopado).
-
Aceptaranse obras filmadas con material profesional e con outros recursos, como os teléfonos móbiles.
-
Aceptaranse obras filmadas tanto en exterior como en interior.
-
Os equipos poderán traballar a distancia para a realización da obra.
Para máis información: info@curtocircuito.org