#programación

Menú

Residencia artística Curtocircuíto

Presentación

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, continúa sendo un lugar para a confluencia de distintas disciplinas, mantendo como eixo principal o cinema de autor e a aposta polas linguaxes contemporáneas. Cada edición persegue, a través desa  interdisciplinariedade, a adhesión entre cidade, público e creadores. 

Este 2021, o festival organiza de novo, co apoio de Santiago Turismo, a Santiago de Compostela Film Commision e Cuarto Pexigo, esta  proposta que pon o foco na intersección das diferentes artes visuais a través dunha residencia artística que acollerá á fotógrafa Bandia Ribeira. Este é un proxecto centrado en vindicar unha imaxe de Santiago de Compostela que diste das tradicionais representacións da cidade. 

Obxectivo da Residencia Curtocircuíto

Ante unha situación de cambio marcada pola explotación turística nos tempos dunha crise sanitaria, esta residencia artística busca dotar á cidade de imaxes que redescubran as orixes dun casco histórico sepultado nunha avalancha dixital de imaxes tópicas e superficiais. É por iso que nos propoñemos revisitar os seus espazos, arquitecturas e rúas. Baixo esta premisa, a nosa proposta partirá da invitación da fotógrafa documental Bandia Ribeira, de As Pontes (A Coruña) con base en Almería, quen ten participado en diversas exposicións e festivais de fotografía como Encontros da Imagem 2016 (Portugal), Diffusion Festival 2015 (Gales), Scan Photobooks 2014 (Tarragona) ou a Bienal de Arte Pintor Laxeiro 2017, en Lalín (Pontevedra).  

A súa estancia terá lugar nas datas do propio Festival (2 ao 10 de outubro), no espazo Cuarto Pexigo e estará vinculada imprimir a súa visión da cidade. Vinculando o seu traballo fotográfico co exercicio de descoberta, a artista traballará na representación das realidades que pasan desapercibidas, así como de ollar os lugares máis emblemáticos ou as estampas máis comúns dende novos prismas, sempre dende unha libertade creativa absoluta tanto na forma como no contido.

Sobre Cuarto Pexigo

Cuarto Pexigo está dirixido principalmente a creativos, fotógrafos ou artistas en xeral, que queiran coñecer Santiago de Compostela e crear un traballo inspirado na súa estancia. Este espazo, de arquitectura diáfana, conectada co exterior e próximo ao parque de Belvís, está ubicado na Rúa do Pexigo de Abaixo, 18, Baixo dereita (15704, Compostela). A súa localización e arquitectura son idóneas para acoller estancias artísticas nun ambiente de retiro e desconexión. Ao mesmo tempo, está moi próximo ás zonas con máis vida e dinamismo da cidade, polo que permite unha inmersión en Santiago apartada dos aloxamentos e as rutas máis típicamente turísticas. 

Bandia Ribeira

Bandia Ribeira Cendán é unha fotógrafa documental de As Pontes (A Coruña) con base en Almería. Licenciada en Ciencias Políticas e graduada en Fotografía Documental na Universidade de Sur de Gales, Newport. 

Ten participado en diversas exposicións e festivais de fotografía como Encontros da Imagem 2016 (Portugal), Diffusion Festival 2015 (Gales), Scan Photobooks 2014 (Tarragona) ou a Bienal de Arte Pintor Laxeiro 2017, en Lalín (Pontevedra).  

O seu traballo recibiu recoñecementos como o XII Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado (2015), Reginald Salisbury Travel Award, ou un dos premios Ciutat de Barcelona (2012), entre outros. O seu libro autoeditado sobre a cidade de Newport, Life is Great, Without It You'd Be Dead (2014) é finalista do BarTur Photobook Award en 2015.

Nos últimos anos traballa como docente e desenvolve un novo proxecto en Almería, unha provincia andaluza coñecida pola produción industrial de vexetais destinados á exportación.