curtocircuito


O Festival

O Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, Curtocircuíto, nace hai seis anos coa intención de potenciar e premiar a creación audiovisual no eido da curtametraxe.

Continuando co espírito que nos caracteriza, tentaremos que o noso festival sexa para a cidade un acontecemento máis alá da competición. Por isto desenvolveremos toda unha serie de actividades paralelas que constitúen unha parte imprescindible de Curtocircuíto. Así, animádevos a seguir as xornadas adicadas á proxección de programas temáticos de curtas Na Rúa, o noso concurso de guións Compostela Plató, ou os nosos obradoiros e mesas redondas con persoeiros do mundo audiovisual.

banner

Anteriores edicións

Descarga aquí os palmarés das edicións pasadas do festival e outros documentos de interese:


Compostela Curtocircuíto

Durante a Semana Oficial, do 10 ó 17 de Outubro deste ano, levarase a cabo o concurso de curtas. Nesta VI edición temos preto de 2.600 curtas inscritas, procedentes de 93 países diferentes, para participar nas seccións do festival:
  • Sección Internacional, onde competirá a mellor selección de curtas de todo o mundo.
  • Sección Española, na que compiten as obras producidas no ámbito estatal e en lingua castelán.
  • Sección Galega, as mellores curtas feitas en galego ou dentro das nosas fronteiras.
  • Sección Explora, na que se escollen os mellores traballos experimentais e de innovación, sen ter en conta a súa nacionalidade.

Curtocircuíto Na Rúa

Neste espazo do festival saímos coas curtas á rúa. É unha oportunidade de disfrutar de proxeccións gratuítas e abertas a todos nas máis emblemáticas prazas do casco histórico compostelán.

O programa de Na Rúa recollerá pezas con diferentes temáticas durante seis noites, ás 22:30, repartidas nas dúas últimas semanas do mes de Agosto. Os asistentes, xunto co público da Semana Oficial, serán os encargados de entregar o Premio do Público á mellor curtametraxe.

O fin de festa destas xornadas terá lugar no parque de Vista Alegre coa Festa da Creación, que combinará música e teatro.

Compostela Plató

Compostela Plató é o noso concurso de guións. De entre os orixinais recibidos seleccionaremos o mellor, que será premiado coa rodaxe da súa curta.

A historia terá que se desenvolver na cidade de Santiago nun 80% como mínimo. Compostela Plató é unha iniciativa que pretende darlle unha oportunidade a un guión de calidade, o mesmo tempo que se promociona e aproveita a cidade de Santiago como plató e marco incomparable.

IV Mercado Internacional de Curtametraxes

Esta actividade vai encamiñada a aproveitar o fluxo de profesionais do sector que nas datas do festival se concentra en Santiago. É unha oportunidade, polo tanto, para crear un punto de encontro entre os distribuidores, programadores ou directivos das empresas cos participantes no certame. Nas actividades do mercado tamén se inclúe unha mesa redonda de libre participación, ademais da presenza de tódalas curtas presentadas . O único que precisades para acceder é unha acreditación.

Programas Paralelos

En Curtocircuíto hai proxeccións paralelas que non compiten en ningunha das categorías, simplemente son seleccións temáticas de curtas levadas a cabo por outros festivais amigos ou por nós mesmos.

Temos programas dirixidos ós nenos, recopilacións de videoclips de diferente orixe…. Ademais de outras actividades relacionadas co mundo audiovisual coma obradoiros ou mesas redondas de debate.


concello de sangiago
compostela cultura